O BNG deseñou un «plan de choque» que recolle «medidas urxentes» coas que mobilizar 700 millóns de euros para facer fronte aos problemas derivados da inflación entre as persoas, as familias e as pequenas e medianas empresas. O plan foi anunciado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, na rolda de prensa celebrada no Parlamento galego, onde lamentou que exista «desde fai tres meses» en Galicia un «goberno interino que non dá resposta ás necesidades da sociedade galega» cando se atravesa «a peor crise de prezos» das últimas décadas.
Pontón detallou as principais propostas dese plan de choque, que inclúe un fondo de rescate social por importe de 90 millóns de euros para axudar ós colectivos máis desfavorecidos con medidas como incrementar en cen euros mensuais o tramo autonómico das pensións non contributivas, que son precisamente as de menor contía; mellorar a prestación da RISGA e facer que sexa compatible coa percepción do ingreso mínimo vital; así como incrementar as axudas para sufragar os gastos básicos de vivenda para as rendas máis baixas.
A segunda gran liña de actuación é un fondo de rescate económico dotado con 175 M€ destinado ós sectores produtivos e ás PEMES. Como terceira medida un plan de investimentos extraordinario en obra pública, centrado en vivenda, transición enerxética e transición dixital, capaz de mobilizar 325 millóns de euros. En cuarto lugar, un fondo de apoio ós concellos de 35 M€ para compensar a subida da factura da luz e dos carburantes. Por último, o plan de choque que formula o BNG inclúe un fondo de liquidez de 75 millóns de euros para facilitar liñas de financiamento e avais ás pequenas e medianas empresas.
A líder nacionalista tamén avanzou que xunto con estas medidas de urxencia, o Bloque está preparando unha proposición de lei con medidas a medio e longo prazo de carácter estrutural, unha proposición de lei para modernizar e transformar Galiza estruturada en cinco áreas estratéxicas. Área financeira, coa creación do instituto de crédito e investimento; área enerxética coa creación dunha empresa pública de enerxía e unha tarifa eléctrica galega; área de reactivación industrial, para reverter o proceso de desertización na industria da última década e área de reactivación do sector primario, para avanzar na soberanía alimentaria, na produción de alimentos de calidade e na recuperación do medio rural.
