O BNG desprega unha bandeira xigante en Vigo para abrir a V Semana da Patria Galega

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego despregou unha bandeira xigante de Galicia na explanada da ETEA, en Teis, como acción simbólica coa que dar inicio aos actos da V Semana da Patria Galega organizada pola fronte nacionalista e por Galiza Nova.

No acto, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou o «compromiso social, en favor das clases populares e traballadoras, que está detrás da reivindicación de soberanía». Igrexas apostou, tal e como recolle o lema escollido polo Bloque para a súa campaña polo 25 de xullo, nunha «Galiza sen límites».

«Queremos desenvolver todas as capacidade e potencialidades do noso País, e iso pasa por unha  Galiza con plena capacidade de decisión. Esa Galiza sen límites non cabe nas costuras do actual estado autonómico, e esixe avanzar en termos soberanía para colocar a economía ao servizo das necesidades do pobo, para poñer freo a enxurrada migratoria que xa expulsou a máis de 200 mil mozas e mozos galegos nos últimos anos e para resolver a grave crise industrial que padecen comarcas como Vigo», defendeu o portavoz municipal nacionalista.

Pola súa parte, o responsábel comarcal de Galiza Nova, Brais Ruanova, presentou a programación de actividades da V Semana da Patria Galega en Vigo, centrada «en sentirmos orgullosos de sermos galegos e galegas». Ruanova puxo en valor que a mocidade estea a ver con cada vez maior forza que «a referencia política e a referencia para a loita social no noso País está no BNG».

Desde o  BNG e  Galiza Nova fan un chamamento a participar na manifestación nacional que como é tradicional realizarán o vindeiro 25 de xullo en Compostela.