O BNG destaca que a súa presión vén de facer que a Xunta actúe ante a acumulación de area na entrada de Muxía

Cedida.

O BNG destacou que a súa presión vén de facer que a Xunta actúe ante a acumulación de area procedente da praia da Cruz na estrada AC-440 á entrada da localidade de Muxía. “Grazas á nosa insistencia,  o goberno galego rematou o estudo técnico que anunciaron hai un ano, e por fin van a adoptar algunha medida, contida nas conclusións do mesmo”, avanzou a formación nacionalista, que subliñou que estas actuacións foron informadas este xoves 27 de novembro na comisión 2ª do Parlamento galego pola directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza, a preguntas do deputado Oscar Insua.

O parlamentario do BNG insistiu en que a Xunta ten que tomar medidas canto antes, e mostrouse escéptico ante as medidas anunciadas pola directora da AXI, que consistirán na eliminación do murete de formigón e o de madeira que separa a praia da Cruz da estrada, que é onde se vai acumulando area. “Veremos os efectos, pero a priori parece que as medidas non van ser moi efectivas, porque a area seguirá remontando a estrada mentres sopre o vento”. Ademais, Insua apremiou ao Concello de Muxía e a Costas do Estado a contestar as solicitudes remitidas a estas administracións para que emitan os informes necesarios para que a AXI poida executar as obras canto antes.

Oscar Insua reprochou que “a día de hoxe a area atópase acumulada nas beirarrúas da estrada, o que fai que os viandantes teñan que transitar pola mesma porque non poden ir pola beirarrúa, o que supón un risco para a súa seguridade viaria”, e solicitou que se proceda a retirala o antes posible por parte da AXI, que é quen ten as competencias en mantemento da AC-440 sen esperar a que ocorre unha desgraza por atropelo”

O deputado nacionalista puxo en dúbida que persoal da Xunta fose a limpar a area na entrada de Muxía con asiduidade, e incidiu en que si lle consta que o Concello encargouse en varias ocasións dos labores de limpeza, “cando non é unha competencia municipal”.

Así mesmo,  Insua pediu que a Xunta de Galiza faga un estudo de resiliencia costeira que permita considerar os riscos asociados para os efectos do cambio climático, tanto no deseño dos instrumentos de ordenación coma na adopción de decisións sobre os usos do litoral, tal e como recolle a Lei 4/2023 de ordenación e xestión integrada do litoral de Galiza.

Valoración do BNG de Muxía

Pola súa banda, a portavoz municipal do BNG de Muxía, Mercé Barrientos, manifestou que «levamos tempo pedindo que se actúe na AC-440 desde Berdoias ata Muxía, e moi especialmente na entrada da localidade debido á acumulación de area, o que supón un perigo para os vehículos e tamén para os viandantes, que non poden ir pola beirarrúa porque está chea de area; un día pode pasar algo grave».

Barrientos sinalou que «hai tres organismos implicados nesta situación: a Xunta, Costas e o Concello de Muxía; non é certo que a Xunta estea a realizar limpezas periódicas na estrada, e quen acometeu estes labores nalgún momento foi o Concello». A voceira nacionalista insistiu en que son necesarias «medidas definitivas», e considerou que a medida de eliminación do muro de formigón e madeira «posiblemente sexa insuficiente, pois co vento do nordés a area vai a seguir subindo e invadindo a calzada».

Related posts

Celebradas no IES Parga Pondal de Carballo dúas das tres sesións que acollerá sobre o cambio climático

Morre un home e unha muller resulta ferida grave en Cuntis nun accidente de tráfico contra un camión

Juanfrán Pérez Llorca é investido como president da Generalitat Valenciana grazas ao apoio de Vox