O BNG e o Bloco de Esquerdas afianzan a súa alianza

Cedida.

O segundo cumio galego-portugués entre o Bloque Nacionalista Galego e o Bloco de Esquerda conclúe coa sinatura da Carta do Porto, un paso máis nesta alianza atlántica fronte ao centralismo, -tanto do Estado español como de Portugal-, unha alianza en defensa dun deseño de infraestruturas e investimentos que permita a cohesión territorial e faga de contrapeso fronte a unha visión centralista que escora cara o Mediterráneo. Os tres principais ámbitos que defenden conxuntamente son: As conexións ferroviarias, en particular a saída sur de Vigo e o Corredor Atlántico; a mobilidade transfronteiriza a un lado e outro do Miño, -a parte máis dinámica dos 1.200 quilómetros de fronteira-; e as relacións culturais e lingüísticas, a través do  desenvolvemento da Lei Paz Andrade. En relación ás infraestruturas, “a clave está na modernización ferroviaria con tres proxectos estratéxicos para a mobilidade de persoas e para a competitividade das empresas”, indicou Pontón, con tres actuacións fundamentais. A primeira é a conexión Vigo-Porto con velocidade alta, a segunda o Corredor Atlántico de Mercadorías: que debe conectar Galiza e Portugal co resto de Europa, e por último, o Eixo Atlántico de Mercadorías Ferrol-Sines: é dicir, conectar de norte a sur Galiza e Portugal.