O BNG de Carballo, representado polo alcalde, Evencio Ferrero e os concelleiros, Xosé Regueira, Daniel Pérez e Iván Andrade, mostraron a súa visión do estado da sanidade na vila, tras levar reiteradamente a problemática do centro de saúde carballés ao Parlamento e logo dunha moción que o Partido Popular levará ao pleno deste luns no que insta á corporación municipal a solicitarlle á Xunta de Galicia a posta en marcha dun Centro Integral de Saúde (CIS) na capital de Bergantiños. Persoal do propio centro tamén leva semanas manifestando estas carencias sen terllas en conta.
O BNG afirmou en rolda de prensa que «o abandono dos servizos médicos en Carballo por parte do SERGAS é algo histórico«, acusado ultimamente cunha «desatención médica» que deriva nunha lista de agarda en atención primaria de ata 26 días.
Durante os anos de goberno do PP na Xunta «a realidade da atención sanitaria no Concello de Carballo é moi diferente á que relata a parte expositiva da moción do Partido Popular», afirman os nacionalistas. En Carballo elimináronse unha consulta de cirurxía e outra de xinecoloxía e faltan especialidades como medicina interna, otorrinolaringoloxía ou cardioloxía, e ademais é preciso incrementar as existentes, completamente saturadas: por exemplo, no caso das ecografías, que só se fan os venres, hai unha longa lista de agarda.
Unha situación altamente deficiente, di o BNG, e a súa solución pasa por aumentar persoal, especialidades e tamén o espazo físico necesario para prestar o servizo, claramente insuficiente. A necesidade dun novo centro de saúde ponse de relevo nada máis entrar no actual, onde a saturación e a masificación é máis que evidente. E no caso do mostrador, as colas chegan a colapsar a planta baixa do edificio.
Dende o Bloque Nacionalista Galego de Carballo sospeitan que detrás deste cambio de nome do centro de saúde por CIS agóchase un avance aínda maior na precarización da sanidade pública e na atención primaria, centralizando servizos, desmantelando centros de saúde municipais, afastando a atención primaria dos doentes e amortizando aínda máis persoal.
Baixo a visión do BNG, se o que se pretende é centralizar a Atención Primaria e as especialidades da Comarca de Bergantiños no edificio de Carballo, lonxe de ser un avance na calidade de prestación do servizo de saúde na comarca, trataríase dun evidente retroceso por todo o exposto, porque dificilmente pode mellorar a Atención Primaria da comarca derivando a un centro de saúde masificado aínda máis usuarias e usuarios.
Como emenda á moción do PP, o BNG insta á Xunta a tomar as seguintes medidas encamiñadas a mellorar a atención primaria:
- A construción dun novo centro de saúde no municipio, que respecte a ratio de 20.000 habitantes por unidade de atención primaria, do mesmo xeito que xa cumpren outros concellos próximos como Arteixo, Oleiros ou Culleredo.
- Dotar o centro de saúde de Carballo dos servizos de cirurxía e xinecoloxía eliminados, así coma das especialidades de medicina interna, otorrinolaringoloxía, dermatoloxía e cardioloxía, ademais de incrementar a carteira de especialidades para evitar a masificación e os desprazamentos aos centros de especialidades da Coruña.