A portavoz nacional, Ana Pontón, participou este sábado en Carballo na presentación da campaña do BNG para reclamar a gratuidade da AG-55, unha vía de comunicación esencial para os concellos de Bergantiños e da Costa da Morte e para unha poboación que supera os 100.000 habitantes.
“Estamos aquí para reclamar algo que é de xustiza: a gratuidade da AG-55, unha autoestrada que levamos 30 anos pagando e que supón un lastre para as persoas usuarias”, subliñou, sobre todo nun contexto de subida constante dos prezos. A líder do Bloque destacou que esta demanda é perfectamente posible, tendo en conta que o goberno do PP acaba de pagar 300 M€ para rescatar catro autoestradas de titularidade da Xunta.
“A cuestión é por que a AG-55 non? Por que Rueda está discriminado á veciñanza de Carballo, dos concellos de Bergantiños ou da Costa da Morte, tratando a xente desta comarcas como se fosen galegos con menos dereitos”, interpelou Pontón.
Para acabar con este agravio, o BNG inicia unha campaña que se prolongará no tempo con distintas actividades e mobilizacións, co obxectivo de lograr unha AG-55 libre de peaxes. Os intereses da xente teñen que estar por diante dos intereses das grandes construtoras, “porque estamos falando dunha veciñanza que usa esta autoestrada para desprazarse por razóns de traballo, de estudo, para ir ao hospital ou simplemente por razóns de ocio”, alegou a portavoz nacional.
Esta autoestrada é unha vía de comunicación fundamental para a veciñanza que vive nunha zona do País que ten escasas comunicacións, de tal xeito que o uso do coche particular é a única maneira de poder moverse con axilidade. Uns cen mil habitantes que non teñen máis alternativa que a AG-55 para desprazarse en tempo e forma, aínda que o trazado e o mantemento non son precisamente un exemplo, ante a inacción da Xunta, que mira para outro lado en lugar de reclamarlle á concesionaria unha mellor conservación e servizo.
A veciñanza de Carballo, das comarcas de Bergantiños e da Costa da Morte levan 30 anos de discriminación pagando unha peaxe que non tiña que existir, porque se lles prometeu que sería gratuíta, “basta xa de discriminación e de abandono por parte do goberno do señor Rueda”, demandou Pontón, quen deixou claro que o BNG vai levar a demanda dunha AG-55 libre de peaxes ao Parlamento ademais de desenvolver unha campaña en todos os concellos afectados. “Non imos parar até que se poña fin a unha situación discriminatoria e inxusta”, concluíu a portavoz nacional.
A presentación da campaña, cunha foto simbólica ao pé das cabinas de peaxe, contou coa participación do alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e cos responsables locais, concelleiros e concelleiras do BNG dos municipios que teñen esta autoestrada como principal vía de comunicación para desprazarse entre a capital de Bergantiños e A Coruña.