O BNG entregou no rexistro da Xunta as 23.610 sinaturas de galegas e de galegos en contra da estafa da factura da luz e a favor da tarifa eléctrica galega, recollidas en apenas un mes de campaña posta en marcha pola formación nacionalista en todo o País, como acción de protesta e de denuncia ante a escalada imparable do prezo da electricidade.
Desde o BNG afirman que pese a ser Galicia rica en electricidade, lonxe de ter algún tipo de beneficio, cada vez se paga a luz máis cara, e hai miles de postos de traballo en xogo polo custe da enerxía, mentres hai un veto sistemático do PP e do PSOE á tarifa eléctrica galega.
A portavoz do Bloque foi moi crítica coa inacción do presidente da Xunta. “Non fai nada de nada, máis aló de apoiar a causa do lobby eléctrico facilitando un boom eólico depredador, que é unha auténtica bomba para o medio rural. E, a outra achega de Feijóo, vetar de xeito sistemático a tarifa eléctrica galega impedindo que as familias e as empresas paguen menos pola luz”, concluíu.