O BNG esixe a intervención da Xunta para garantir a actividade industrial e o emprego en Xeal

Cedida.

O BNG vén de presentar no Parlamento de Galiza unha serie de iniciativas encamiñadas a frear o que define como «desmantelamento encuberto da actividade produtiva en Xeal, ao que estamos asistindo dende o ano 2019 e que pon en risco un dos últimos complexos industriais da Costa da Morte».

O deputado Daniel Pérez considera imprescindible a intervención do Goberno galego para garantir o mantemento da actividade industrial e, en consecuencia, do emprego. E nese sentido defenderá unha proposición non de lei para esixir á Xunta de Galicia que adopte as seguintes medidas:

  • Contribuír a través do Consello Galego de Relacións Laborais, no seo do procedemento de mediación solicitado pola parte social, á normalización das relacións laborais, avogando por manter un convenio propio actualizado.
  • Esixir da empresa o cumprimento das cláusulas das concesións e os termos da sentenza do TSXG de novembro de 2020.
  • Reclamarlle á empresa a presentación dun plan industrial e de viabilidade das fábricas.
  • Que, a través de Augas de Galiza, informe ao comité de empresa do estado dos proxectos presentados por XEAL para incrementar o aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía e para o proxecto de estación reversíbel de bombeo no monte da Ruña.
  • Condicionar (en caso de cumpriren con todas es esixencias legais, e nomeadamente, medioambientais) a aprobación dos proxectos presentados por XEAL para incrementar o aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía e para  o proxecto de estación reversíbel de bombeo no monte daRuña, ao mantemento da plena actividade produtiva de todos os fornos e a recuperación do emprego nas fábricas de cee e Dumbría aos niveis de 2019.
  • Estudar a posibilidade de reversión das concesións de explotación das centrais hidroeléctricas ante o incumprimento palmario das cláusulas concesionais que vinculan explotación enerxética e mantemento do emprego e actividade industrial.

Na iniciativa rexistrada xa no Parlamento, e que tamén asinan o deputado Ramón Fernández e a deputada Carme González, lembran que nos últimos tres anos asistimos a unha vulneración sistemática das cláusulas de vinculación da actividade das centrais hidroeléctricas ao mantemento do emprego e á actividade industrial. De feito, xa se perderon máis de 110 postos de traballo directos, destruíuse emprego nas auxiliares e  foise reducindo a actividade nas fábricas ata deixar operativo un único forno.

Todo isto desembocou nunha comprensible situación de conflitividade laboral que se vén intensificando nas últimas semanas e que continuarán. O comité de empresa acordou a convocatoria para o 17 de novembro dunha xornada de folga de 24 horas que afectará ás tres quendas de traballo e a todo o persoal das fábricas de Cee e Dumbría e das centrais hidroeléctricas. «Dende o BNG seguiremos ao carón dos traballadores e traballadoras, apoiando as súas xustas reivindicacións, e esixindo á Xunta que cese na súa inacción e tome dunha vez por todas as medidas necesarias para garantir o mantemento da actividade industrial e do emprego en Xeal», conclúen.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha