O BNG esixe a supresión “efectiva” da peaxe de Chapela coa retirada das cabinas

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego volveu reclamar que se axilice a aplicación das bonificacións comprometidas polo Goberno español nas peaxes da AP-9, e singularmente a supresión “efectiva” da portaxe de Chapela, coa retirada das cabinas de cobro.

Os portavoces municipais do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, e Redondela, Xoán Carlos González, compareceron en rolda de prensa conxunta na cidade olívica, para trasladar publicamente a esixencia das nacionalistas de urxir a posta en marcha das medidas prometidas polo executivo estatal fronte a “estafa diaria” das peaxes.

Igrexas e González expresaron o apoio do Bloque ao rexeitamento, manifestado polas asociacións veciñais de Teis e de Chapela, perante o intento do Ministerio de Fomento de aplicar a supresión da peaxe entre a cidade de Vigo e a localidade de Redondela obrigando a utilización da telepeaxe. “O que hai que facer é botar abaixo as cabinas e aplicar o mesmo sistema que se utilizou en anteriores supresións”, esixiu Igrexas, aludindo ao precedente da retirada da portaxe entre O Morrazo e Vigo.

Neste sentido, González advertiu do forte impacto que ten para a mobilidade entre ambos os dous municipios a permanencia das peaxes. “Falamos de máis de 6 mil desprazamentos diarios. E a eliminación desta peaxe permitiría rebaixar tamén a forte carga de tráfico doutros viais”, explicou o edil redondelano, que recentemente se reuniu coa Asociación de Afectados pola ampliación da AP-9.