O BNG de Carballo esixe ao candidato do PP que manteña o seu compromiso coa circunvalación despois das eleccións

2 minutes read

No BNG din estar moi satisfeitos de que, por fin, «despois de anos de incumprimentos e oídos xordos, un deputado do partido que goberna en Galicia se comprometa a construír unha primeira fase da circunvalación de Carballo. Aínda que só sexa un treito, agardamos e esiximos que o compromiso público do deputado autonómico e candidato do PP Aurelio Núñez se manteña despois das eleccións municipais».

Dende o BNG afirman que veñen reclamando dende hai anos «que a Xunta salde as súas débedas coa circunvalación e con Carballo. Pediullo expresamente o alcalde carballés, Evencio Ferrero, ao presidente da Xunta no ano 2010, na única visita institucional que fixo ao concello, para inaugurar o polígono industrial xestionado e impulsado polo Goberno Bipartito da Xunta. E volveullo a pedir en febreiro do 2018, na primeira entrevista que lle concedeu Feijoo dende que é presidente da Xunta. A construción da variante figuraba no primeiro lugar das cinco únicas actuacións que Evencio Ferrero reclamou para Carballo e que continúan sen resposta oficial, malia o anuncio realizado polo deputado autonómico e candidato á alcaldía de Carballo, Aurelio Núñez».

A circunvalación é unha demanda de toda a sociedade carballesa, pero moi especialmente do empresariado do polígono industrial de Bértoa, que necesita unha variante que facilite a comunicación da capital de Bergantiños con Santiago e co sur de Galicia. Non é de recibo que o parque industrial máis dinámico de Galicia, como demostran convocatoria tras convocatoria os datos de adxudicacións de parcelas por parte de Xestur, estea conectado coa capital galega a través de vías urbanas, o cal dificulta o intercambio comercial das empresas con toda a zona sur da comunidade autónoma, ao tempo que contribúe á inseguridade viaria.

Por iso, dende o BNG agardan que despois do anuncio desa «primeira fase» da circunvalación chegue tamén, aínda que sexa en campaña electoral, o da necesaria ampliación do parque empresarial.