O BNG esixe o restablecemento de varias especialidades no centro médico de Carballo

1 minutes read
  • Demandan sobre todo o servizo de raios X, ademais das especialidades de cirurxía e xinecoloxía

O deputado do BNG, Daniel Pérez, presentará unha iniciativa no Parlamento de Galicia para que se restableza «de inmediato» o servizo de raios X no centro de saúde de Carballo así como medidas de reforzo para acurtar as esperas.

Os nacionalistas destacan que mentres o Concello de Carballo medra, o centro de saúde vese reducido día a día. «A saturación é indiscutible, como recoñece a propia Xunta de Galicia no seu Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria 2021», afirman desde o BNG, polo que solicitan un centro de saúde que responda ás necesidades dunha poboación en aumento. «Como colmo dunha situación que non pode cualificarse máis que como desatención sanitaria, neste momento nin sequera é posible facer unha simple radiografía», afirman desde o partido, xa que o aparato de raios X non funciona dende o 20 de maio e descoñécese cando se vai proceder á súa reparación ou substitución.

Pérez tamén levará ao Parlamento que se retomen as especialidades de cirurxía ou xinecoloxía, as cales consideran «imprescindibles», así como a de medicina interna, otorrinolaringoloxía, dermatoloxía e cardioloxía. Aumentar a carteira de especialidades evitaría desprazamentos á veciñanza e reduciría os «altos niveis de masificación que teñen os centros de especialidades de referencia na cidade da Coruña».