O Bloque Nacionalista Galego esixe ao Goberno municipal que reforce de maneira urxente o servizo de bombeiros, diante da situación de inseguridade que se vive en Vigo pola falla de efectivos. A fronte nacionalista advirte de que este luns a cidade só contou con 5 bombeiros e denuncia que son numerosas as xornadas nas que se incumpre o mínimo de 21 efectivos establecido polo propio Goberno local para garantir o operativo.
«Esta situación evidencia máis unha vez a nefasta xestión do Goberno de Abel Caballero nun asunto tan importante e relevante como a seguridade da cidade», cuestionou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que asegurou que unha cidade de 110 quilómetros cadrados de superficie e cunha poboación real de máis de 300 mil habitantes non pode contar con apenas 5 bombeiros durante 24 horas en pleno contexto de altas temperaturas. Igrexas lembrou que o colectivo de bombeiros leva moitos anos a denunciar esta inseguridade pola falla de efectivos.