O BNG esixe unha rectificación da Xunta pola suspensión sanitaria en 14 centros da área de Vigo


O Bloque Nacionalista Galego vén de esixir unha rectificación inmediata da Xunta pola suspensión da asistencia, agás urxencias ou casos Covid, en 14 centros da área sanitaria de Vigo. Unha delegación da fronte nacionalista, na que estiveron presentes cargos institucionais das comarcas afectadas e no Parlamento galego, concentrouse este venres diante da delegación da Xunta en Vigo para demandar un reforzo de persoal e recursos ante o que definen como “o colapso da Atención Primaria”, e reclamar a fin das “políticas de recortes e privatización impulsadas polo goberno popular de Alberto Núñez Feijóo”.

A deputada no Parlamento galego, Montserrat Prado, criticou que esta medida derive maior presión asistencial sobre as urxencias hospitalarias, que viven unha situación límite como a Atención Primaria. Nese sentido, alertou que esta falla de atención sanitaria, como ocorreu durante a fase máis aguda da pandemia, pode derivar en diagnósticos tardíos ou cronificar patoloxías.

Prado denunciou que a Consellaría de Sanidade tomou esta decisión sen falar con ninguén, nin cos representantes do persoal nin cos propios centros. “Unha mostra máis de desantención e desconsideración cara eses profesionais que levan dado absolutamente todo”, valorou a deputada nacionalista.