Néstor Rego, deputado do BNG no Congreso, demandou durante o Debate de política xeral ao Presidente do Goberno que cumpra coa Galiza e execute da maneira máis rápida e áxil posíbel todos os compromisos adquiridos para solucionar os problemas que atravesa o País. O deputado nacionalista exixe un xiro para levar a cabo reformas estruturais, como a do mercado enerxético, que contribúan para controlar de maneira máis eficaz a suba dos prezos, xa que as medidas temporais anunciadas, aínda que “camiñan na boa dirección”, están lonxe de rematar co empobrecemento das clases populares galegas e do Estado.
Denunciou a ausencia da Galiza durante a intervención do Presidente do Goberno a pesar do contexto de grave crise social e económica que padece producida polo desmantelamento do sector industrial e de que a inflación na Galiza se sitúe xa en 11.1%, un punto por riba da do Estado.. “Non mereceu unha soa mención a pesar de que falou de proxectos industriais, plans de vivenda, infraestruturas e PERTEs dos que o meu País vaise beneficiar máis ben pouco” apuntou Rego.