O BNG impulsa a recuperación da lagoa de Traba de Laxe e reclama reformas no templo de San Marcos de Corcubión

3 minutes read

A concelleira  e candidata á alcaldía do BNG de Laxe, Cristina Vázquez del Prisco, destacou este mércores que o recente avance na recuperación da lagoa de Traba é froito dunha iniciativa do BNG no Parlamento Galego, mentres que o alcalde de Laxe actuou “máis ben a remolque” deste proceso.

Esta recuperación é un éxito do BNG, pero non podemos baixar a garda. Ampliar a lámina de auga sen estudos detallados sería unha temeridade, pois podería provocar os mesmos asolagamentos que se sufren actualmente. Agora pedimos á Xunta que especifique a inversión concreta e os criterios técnicos que se seguirán”, sinalou a concelleira.

Liderado do BNG

Segundo Vázquez del Prisco, o impulso do BNG no Parlamento Galego foi determinante para que a Xunta incluíse a lagoa de Traba no Plan de Restauración de Humidais, un proxecto que prevé 4,65 millóns de euros ata 2028 para reforzar a biodiversidade, mellorar os procesos hidrolóxicos naturais e garantir a conectividade co mar.

Sen a iniciativa do BNG, dificilmente se daría un paso real cara á recuperación deste importante humidal. O alcalde actuou máis ben a remolque, sen liderar o proceso”, engadiu.

Riscos e medidas necesarias

A concelleira advertiu que certas medidas previstas, como a ampliación da lámina de auga, poden ter efectos negativos se non se estudan con detalle:

Non podemos permitir intervencións que poidan aumentar os asolagamentos das marxes ou afectar á seguridade das persoas e bens. A recuperación debe ser responsable, equilibrando conservación e seguridade”, explicou.

O BNG solicita á Xunta que detalle a inversión específica para a lagoa e que clarifique os criterios técnicos e ambientais que se aplicarán, para garantir que a restauración sexa eficaz e segura.

Participación cidadá e vixilancia

Vázquez del Prisco remarcou tamén a importancia de implicar á cidadanía:

A protección da lagoa de Traba non é só un asunto institucional; a veciñanza tamén ten que estar implicada para asegurar a conservación deste ecosistema costeiro único”.

O BNG comprométese a vixiar a correcta execución do proxecto e a garantir que se cumpran os criterios ecolóxicos e sociais, reafirmando o seu papel de impulsor e garante da protección do espazo natural fronte á pasividade doutros actores locais.


O BNG insiste á Xunta sobre a necesidade de reformar as deficiencias do templo de San Marcos de Corcubión

O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, vén de insistir  ante Patrimonio da Xunta de Galiza sobre as reformas que necesita o templo de San Marcos de Corcubión, que presenta diversas deficiencias na cuberta e na fachada. Cuestión que  xa foi posta en coñecemento o ano pasado polo parlamentario nacionalista, que agora volveu a presentar unha iniciativa no Parlamento para preguntar ao Goberno galego se fixeron o informe e se ten pensado este ano realizar as obras necesarias para solucionar e financiar os problemas na igrexa corcubionesa.

“A ex-directora xeral, María del Carmen Martínez, a petición do deputado Oscar Insua no seo da comisión 4ª do Parlamento galego, comprometeuse a realizar o estudo e a tratar o asunto na Comisión Mixta Xunta-Igrexa, que actúa como órgano de asesoramento da consellería para a protección, conservación fomento e difusión do patrimonio cultural de Galiza nas cuestións que afecten exclusivamente a bens de titularidade da Igrexa Católica”, sinalaron os nacionalistas.

O BNG lembrou a necesidade inminente de realizar un proxecto de rehabilitación para acometer as reformas necesarias na igrexa, que segue a ter numerosas filtracións de auga na cuberta e nos seus muros, afectando ao patrimonio escultórico que hai dentro do edificio e ao reloxo da fachada.

A formación nacionalista subliñou que o 13 de maio do ano pasado tomaba posesión o novo director xeral de patrimonio cultural, Ángel Miramontes, “e ata o momento descoñecemos se levaron a cabo os compromisos adquiridos pola anterior titular do cargo en sede parlamentaria”.

Oscar Insua manifestou que “coa choiva que caeu estes meses, a situación empeorou. A Xunta do PP vai gastar millóns de euros en concertos musicais e publicidade para o xacobeo 2027, e nin un peso para o patrimonio artístico e cultural que fundamenta o xubileo e que precisa reformas, como a igrexa de San Marcos. A xente debe saber isto”.