A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, protagoniza un vídeo titulado «o espolio enerxético nun minuto» no que avanza que o seu grupo parlamentario volverá levar ao Parlamento a proposta da tarifa eléctrica galega, unha das medidas para «abaratar a luz» que impulsou nos últimos anos pero que foi «sistematicamente rexeitada polo PP». Tras a subida do prezo da luz en plena onda de frío, considerou que «urxe retomar esta cuestión co obxectivo de que as empresas e as familias se beneficien de ser Galicia produtora neta de electricidade e poñer freo a un espolio enerxético». O BNG sinala que «ducias» de ex altos cargos do PP e do PSOE traballan para estas empresas con salarios «de escándalo». «Son as portas xiratorias unha corrupción de luva branca», concluíu.