O BNG inicia unha campaña para reclamar melloras nas vías de comunicación da Costa da Morte

1 minutes read

As direccións políticas do BNG das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte, xunto cos portavoces e candidatos de todas as súas localidades, reuníronse este sábado na rotonda de Santa Irena, en Vimianzo. Iniciaron así unha campaña para reclamar melloras nas vías de comunicación da Costa da Morte. Estiveron presentes, entre outros, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, o deputado Daniel Pérez e os responsables comarcais Xurxo Rodríguez Baña e Marcos Trigo.

Para o BNG, a Costa da Morte precisa dun impulso que faga posible a revitalización económica e social, e para conseguilo considera imprescindible mellorar a mobilidade a través das seguintes actuacións:

  • Rematar a autovía da Costa da Morte ata Cee e eliminación das peaxes existentes en todos os treitos da autoestrada A Coruña-Carballo.
  • Realizar unha nova planificación das conexións de transporte público que mellore as rutas e os tempos e que amplíe as paradas nos núcleos rurais de toda a comarca.
  • Iniciar os estudos de viabilidade dun servizo ferroviario de proximidade para Bergantiños e a Costa da Morte.
  • Impulsar e executar un plan de mellora das telecomunicacións e de dixitalización da comarca, acelerando a implantación da fibra óptica de xeito que chegue a todo o rural.

Estas propostas serán trasladadas á Xunta de Galicia a través dunha iniciativa parlamentaria.