O BNG iniciou unha campaña de sinaturas contra a suba da luz


O BNG iniciou na Coruña unha campaña de recollida de sinaturas contra a subida da factura da luz, cuestión da que fará “cabalo de batalla” polas graves consecuencias que ten sobre as familias e sobre as pequenas e medianas empresas en plena crise.

“No BNG pensamos que non podemos estar de brazos cruzados ante decisións que só benefician ás eléctricas pero que prexudican ás economías das familias e ás PEMES que xa están asfixiadas pola crise”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, que participou na primeira recollida de sinaturas xunto co portavoz municipal, Francisco Jorquera, a concelleira Avia Veira e a deputada pola Coruña Mercedes Queixas.

A líder do Bloque foi moi crítica co feito de que o Goberno de Pedro Sánchez sega os mesmos pasos que o PP neste asunto.

Para abaratar o prezo da luz, o BNG defende a intervención pública no sector enerxético e pon sobre a mesa medidas concretas e realizables se hai vontade política. Empezando por reducir o IVE da luz ao 4% fronte ao 21% actual e tamén propón suprimir o imposto especial á electricidade.  Tarifa eléctrica galega para que as familias e as empresas teñan unha factura máis barata e se beneficien de ser Galicia un país rico en enerxía eléctrica.

Creación dunha empresa pública galega de enerxía, para camiñar cara unha xestión pública dun servizo e dun ben de primeira necesidade e establecer medidas para que non se lle poda cortar a luz a ningunha persoa ou familia sen recursos. “Os dereitos das persoas deben estar por riba da conta de resultados das eléctricas”, alegou Pontón.