O BNG insiste en reclamar á Xunta unha reforma integral do CEIP Canosa-Rus de Coristanco

2 minutes read

O deputado do BNG pola comarca de Bergantiños, Oscar Insua, vén de presentar varias iniciativas no Parlamento galego nas que reclama á Xunta de Galiza que acometa unha reforma integral do CEIP Canosa-Rus de Coristanco. Trátase dunha demanda que os nacionalistas xa teñen realizado desde anos atrás, con peticións ante a consellería de Educación e con diversas accións institucionais, tanto a nivel municipal, por parte do anterior edil nacionalista Antonio Andrade; como na Cámara do Hórreo, polo daquela deputado Daniel Pérez.

Oscar Insua e o voceiro municipal do BNG de Coristanco, Enrique Serra, mantiveron este luns 21 de setembro unha reunión con  Vanesa Tasende, membro da ANPA, e Xosé Abelenda, integrante do Consello Escolar do colexio como representante de pais e nais do alumnado, para coñecer de primeira man as necesidades do colexio.

O centro educativo segue a presentar numerosas deficiencias estruturais, co tellado, canalóns e fiestras antigas, ademais de problemas para optimizar a enerxía da calefacción. Así mesmo, existen humidades e cando chove hai pingueiras, para as que teñen que utilizar caldeiros. Incluso o ano pasado rexistrouse un incidente no teito dunha aula, que se desprendeu en parte debido ás malas condicións que presentaba. Ademais, no día de onte podía verse algún elemento do parque infantil precintado, como o tobogán, un síntoma claro de que deben renovarse os elementos do mesmo.

Enrique Serra manifestou que “pasaron xa dous anos dende que se puxo en coñecemento da Consellería as deficiencias existente neste colexio, e presentamos unha unha moción que foi aprobada por unanimidade no pleno municipal; nin o Concello nin a Xunta gobernados polo PP fixeron nada, o único prometer e prometer, pero o alumnado non quere promesas, quere que se fagan as reformas necesarias, e este centro de ensino precisa dunha reforma integral.

O portavoz municipal nacionalista salientou que “volvemos a pedir no parlamento que inclúan unha partida orzamentaria para executar as obras o vindeiro ano e solucionar dunha vez por todas os problemas existentes”.

Melloras tras as reivindicacións do BNG

O BNG lembrou que, grazas ás súas reivindicacións durante os últimos anos, o CEIP Canosa-Rus acadou para este curso escolar importantes melloras respecto ao exercicio anterior en canto a profesorado destinado a atender ao alumnado con necesidades educativas especiais. Deste xeito, en Audición e Linguaxe (AL), o centro pasou de dispoñer de 8 horas lectivas semanais no curso pasado ás 23 actuais. E en Pedagoxía Terapéutica, o ano pasado exercía un docente a xornada completa, e no presente curso hai a maiores outro especialista a media xornada.