- O deputado Daniel Pérez formulará na Comisión de Pesca do día 14 varias preguntas para saber en que situación están as medidas anunciadas no seu día polo PP.
En outubro de 2021 o BNG levou á Comisión 8ª de Pesca o problema de seguridade do porto de Malpica, de titularidade autonómica, para solicitar do Goberno galego a execución das obras de mellora da dársena que fosen necesarias para que a manobra de entrada e saída se desenvolvese en condicións de seguridade para persoas e embarcacións. Iniciativa vetada polo Grupo Parlamentar do Partido Popular.
“Ano e medio despois, o perigo persiste, non houbo actuación algunha encamiñada a mellorar a seguridade dentro da dársena e nada se sabe dos estudos sobre as ondadas no interior do porto anunciados pola Consellería do Mar da Xunta de Galiza, aínda que o goberno local manifestou en pleno que se coñecerían as conclusións a finais do verán pasado”.
“Tampouco se incluíu nos orzamentos da Xunta para o 2023 ningunha partida con dotación económica suficiente para asegurar a execución da única obra que pode resolver de xeito definitivo o grave problema de seguridade deste porto, ampliación do dique de abrigo, e o Partido Popular rexeitou unha emenda deste grupo para consignar unha partida de 1 millón de euros para a elaboración do proxecto de ampliación do dique e para melloras nas comportas da dársena”.
Dende o BNG conclúen que ante a falta de información e de actuación algunha dirixida a solucionar o grave problema de seguridade do porto de Malpica, o deputado Daniel Pérez formulará na Comisión 8ª, que se reunirá o día 14, unha serie de preguntas ao Goberno galego, coa finalidade de saber se considera a seguridade no porto como prioritaria, cal é o estado dos estudos e das obras de mellora dársena anunciados no seu día, e cal é a previsión para a execución das obras necesarias para mellorar a seguridade.