A portavoz do BNG, Ana Pontón, compareceu ante os medios de comunicación para valorar a evolución da COVID19 en Galicia, cuxa loita, dixo, debe ser “unha prioridade” de todos e todas a nivel individual e de maneira especial, da Xunta de Galicia con competencias para facer fronte á “crise sanitaria e económica”. Pontón instou á Xunta a declarar o “estado de emerxencia sanitaria” e medidas para frear o aumento dos contaxios da COVID rexistrados nas últimas semanas en Galicia. Feijóo, afirmou Pontón, debe poñerse á fronte da pandemia e deixar de responsabilizar aos concellos, a cidadanía e a policía. Debe deixar “de poñerse de perfil e tomar decisións”, recalcou.