O parlamentario do Bloque Nacionalista Galego Oscar Insua estivo o venres 5 de decembro no municipio de Laxe reunido cos concelleiros do BNG local para abordar as necesidades máis inmediatas que precisan da actuación do goberno da Xunta de Galiza. Entre as máis importantes, está a necesidade de resolver os problemas de asolagamentos no lugar de Traba, debido á falla de mantemento e conservación da Lagoa-Dunas de lugar, declarado Espazo Natural Protexido e inscrito na Rede Natura 2000 como ZEPA e LIC.
O BNG sinalou que esa falla de mantemento provoca que a auga do ríos de Traba e do rego de Vao, xunto coa da choiva, quede estancada tanto na lagoa como nas fincas colindantes, impedindo que os veciños poidan traballar as súas terras durante o ano e desprendendo cheiros no verán en todo o val.
A edil Cristina Vázquez explicou que “as canles de auga entre os ríos e a lagoa, e esta e o mar, están tupidas pola maleza, e a auga non corre, queda estancada; é preciso limpalas para que o ecosistema funcione correctamente, para restablecer o réxime hidrolóxico natural e de paso que a veciñanza poida traballar nas súas terras, tamén coa maquinaria, porque agora é imposible”.
Os nacionalistas desprazáronse ata Traba para comprobar “in situ” as actuais condicións deste espazo natural e constataron que o problema vai a peor porque a Xunta non fixo nada desde o verán, cando volveron denunciar a situación. “Os días que chove moito, a auga cobre parte das estradas e é un perigo para a circulación dos coches, mais como cadre un bo chaparrón as casas máis baixas como as de Cernado acabarán con inundacións”, advertiu a portavoz municipal.
Pola súa banda, Oscar Insua comprometeuse a levar novamente este asunto ao parlamento galego e a insistir na necesidade de actuar canto antes “ata que o PP mova ficha, porque depende deles, dado que a Xunta de Galiza é a administración competente para facer estes traballos de conservación en Rede natura”.
O deputado engadiu que “existe moita preocupación entre a veciñanza, e levamos varias semanas que non para de chover; o PP está avisado, en Laxe e na Xunta, logo que non veñan a lamentarse de que non sabían nada”. Desde o BNG consideran unha “auténtica irresponsabilidade” a pasividade do alcalde de Laxe para que se resolva axiña este problema, que é recorrente e que precisa dunha actuación seria e inmediata por parte do goberno galego.