O BNG interésase polas deficiencias no IES de Cee e pola reactivación do plan de explotación marisqueira en Corcubión

  • O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, tamén reclamou na Comisión de Pesca a reactivación do plan de explotación marisqueira en Corcubión.

O BNG reiterou o seu apoio ás demandas que a comunidade educativa de Cee vén realizando no presente curso escolar, e sinalou que o seu deputado para a Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, realizou unha visita ao IES Fernando Blanco para coñecer de primeira man as deficiencias que presenta, acompañado por profesores e membros da directiva da ANPA do centro educativo.

A formación nacionalista tamén anunciou que se solidariza coas familias que convocaron un peche reivindicativo para este martes 3 no IES Agra de Raíces, e lembrou as diferentes iniciativas parlamentarias que Oscar Insua ten presentado no Parlamento galego, nas que recolle as diversas peticións da comunidade escolar en centros educativos da comarca.

Neste senso, o parlamentario do BNG avanzou que “seguiremos insistindo ata que a Xunta do PP teña en conta as reivindicacións da comunidade escolar, e presentaremos as iniciativas que fagan falta para elo e por suposto apoiamos todas as mobilizacións do profesorado e das ANPAS reclamando melloras nos centros educativos”.

Insua manifesrou que “a verdade que o estado do centro de ensino de Fernando Blanco é lamentable, en realidade mellor que reformar penso que sería necesario construír novas instalación na parte traseira do instituto, porque entre outras cousas, a accesibilidade é inexistente en gran parte das aulas”.

O deputado engadiu que “o ximnasio é pequeno e non reúne as condicións idóneas para dar clases, hai fiestras de aluminio con cristal simple nas aulas, humidades por todas partes e frío nas aulas, ademais de goteiras nalgunha delas, os automáticos saltan cada dous por tres, a aula de automación básica é un pequeno garaxe no que malamente caben 20 estudantes e a de ciclo medio precisa unha ampliación, incluso os alumnos e alumnas non teñen vestiarios para cambiarse de roupa e do patio cuberto mellor non falar, porque pon medo. Son necesarias novas instalacións sen dúbida algunha”.

Por último, Oscar Insua destacou que “a Xunta é temeraria porque segue sen contestar os escritos da directiva sobre estes problemas, aínda que non nos sorprende como xestiona o PP a educación, só actúan cando hai desgrazas”.

Solicitude da reactivación do plan de explotación marisqueira en Corcubión

O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, reclamou este martes na Comisión de Pesca a reactivación do plan de explotación marisqueira en Corcubión e a revisión da normativa que impide o mergullo con aire en superficie para poder así avanzar no aproveitamento dos recursos marisqueiros na ría, dado que as limitacións normativas, “frean o desenvolvemento económico e a creación de emprego nun sector xa duramente castigado pola crise”, advertiu.

Acusou o PP de negarse a avanzar nas técnicas para poder explotar ameixa e ameixón entre 5 e dez metros coa técnica de mergullo, malia que, tal e como propón o sector, favorece as condicións de saúde no traballo e, ademais,  non compiten con mariscadores e mariscadoras a pé ao non ir á mesma profundidade, como tamén asegurou a directora xeral de Pesca, María de los Ángeles Vázquez, encargada de responder as preguntas do deputado nacionalista.. En todo caso, “non impide que poidan coexistir plans de mergullo con raño”, sinalou o deputado nacionalista.

Insua rebateu unha resposta que dera no Parlamento de Galiza unha deputada do PP, que aseguraba que ‘sempre se fixo con vara’, retrucándolle que “parece que e o PP é o partido quere seguir indo polas corredoiras”, por que non evoluciona nas técnicas de traballo. “Imos ter que seguir collendo sardiñas só con xeiteiras e a vela, como se fixo sempre de maneira tradicional no noso País, ou utilizamos outras artes de pesca distintas máis favorables para os mariñeiros?” cuestionou.

O deputado nacionalista lamentou que, malia a existencia de recursos mariños con potencial na zona, o Goberno do PP non aprobase un plan de explotación que permita a súa extracción de forma regulada, o que supón –dixo– “perder unha oportunidade para manter e crear postos de traballo nun ámbito sen remuda xeracional e en franca recesión”.

Preguntoulle ademais á directora xeral de Pesca, se considera “racional” escusarse exclusivamente en que a prohibición de apañar ameixa ou ameixón a determinada profundidade coa técnica de mergullo se ampara na lei,  porque, engadiu, a” lei pode cambiarse,  para iso estamos aquí, para mellorar a vida das persoas traballadoras do mar”, recalcou.

Insua preguntoulle á responsable da Xunta se ten previsto elaborar informes sobre o estado destes recursos e cal é a valoración do departamento autonómico sobre a situación “de estancamento” que viven as mariscadoras da comarca.

Tamén esixiu ao Executivo galego xustificar a súa negativa, reiterada nos últimos anos, a permitir o uso do mergullo con subministración de aire en superficie na extracción de ameixa a determinadas profundidades. “Hai que adaptar o traballo ao individuo, non ao revés, mellorando as condicións laborais dos mergulladores”.

Por último, o deputado da Costa da Morte preguntou se a Consellería está a traballar nunha modificación do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, que regula as artes, útiles e técnicas de extracción profesional de recursos mariños, e se xa dispón dun borrador do novo texto.

Cuestións todas que non foron aclaradas pola responsable da Xunta, conclúen desde o BNG.

Related posts

O Grupo Socialista esíxelle á Xunta un Plan integral de recuperación do marisqueo de Camariñas

O Concello de Camariñas presenta un proxecto para a protección e posta en valor dun cruceiro en Xaviña

O PSOE da Laracha discrepa sobre a salubridade das tuberías do municipio