- Oscar Insua critica que se teña que seguir pagando peaxes na AG-55 mentres seguen sen ter rematada a autovía prometida hai 20 anos.
- Pediulle ao PP ‘que non lle chamen autovía ao que é un corredor e que non enganen á veciñanza da Costa da Morte’.
O deputado do BNG na Costa da Morte, Oscar Insua lamentou a aldraxe á Costa da Morte ao saber na Comisión 2ª que as obras do primeiro tramo do corredor non se rematarán ata 2029. Así llo confirmou a directora xeral da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza.
Afeoulle ademais que a veciñanza teña que seguir pagando peaxes para ir á Coruña mentres seguen sen ter rematada a autovía prometida hai dúas décadas. “Despois de 20 anos e co 80% de gobernos do PP, a Xunta non foi quen de rematar a Autovía AG-55”, expresou.
Insua puxo en valor o traballo do BNG da Costa da Morte, porque, cada vez que se pregunta polo proxecto, o PP dá un pasiño máis para ir cumprindo promesas anunciadas pero incumpridas, conseguindo desbloquear o proxecto, paralizado desde o ano 2020 nas oficinas da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI). “O traballo do BNG vale para moito”, recalcou.
Malia todo, criticou que proxecto se fai “tarde, mal e arrastro, e que nin sequera contempla o enlace co polígono de Vimianzo, algo que a directora xeral vinculou a que sexan os empresarios quen demanden esta infraestrutura, cuestión que ao BNG lle parece un despropósito.
Tamén a Insua lle parece un despropósito non só que que se proxecte un corredor, que “non é o que se prometeu nin o que queremos na Coste da morte”, senón que “por riba non se faga o enlace co Polígono de Vimianzo”.
Na súa exposición, o deputado da Costa da Morte recordou que “tivo que ser o Bipartito quen desbloquease o proxecto para desdobrar o corredor e convertelo en autovía” e cualificou de “conservador” o PP por insistir en que seguirá sendo un corredor, “conservando” as ideas do daquela comisionado do Prestige, Rodolfo Martín Villa que quería que fose iso, un corredor.
Tralo anuncio da directora da Axencia Galega de que está previsto que o corredor sexa desdobrable nun futuro, o deputado nacionalista insistiu en que o volume de tráfico, tal e como constatan os datos da propia AXI, son equiparables aos que lle serviron á Xunta para xustificar o remate da autovía AG-59 desde Santiago á Estrada.
Insua, emprazou á Xunta do PP a que se empece a traballar no segundo tramo desde xa para non ter que esperar ata 2050. Alertou ademais do problema de tráfico no centro de Vimianzo que se alongaría demasiado no tempo, ata rematar o segundo tramo, entre Calo e Berdoias.
Por último, pediulle ao PP que non lle chamen autovía ao que é un corredor e que non enganen á veciñanza da Costa da Morte.