O BNG lamenta a falta de seguridade viaria en Cee tras producirse un novo atropelo

2 minutes read

O BNG de Cee carga contra a Xunta por non darlle prioridade á seguridade viaria no municipio, logo de que este luns 18 de maio sucedese un novo atropelo na Avenida Fernando Blanco á altura do instituto de ensino.

A formación nacionalista volveu a insistir en que o goberno galego debe tomar medidas urxentes para minimizar o máximo posible que volvan a suceder este tipo de sucesos, e lembrou que xa o teñen demandado no Parlamento galego en varias ocasións da man do deputado Oscar Insua.

“Alegrámonos que o atropelo sucedido este luns quedase nun susto, pero a Xunta ten que tomarse este asunto dunha vez en serio para que non acontezan desgrazas maiores, como xa ten sucedido na mesma travesía onde onte houbo un atropelo a unha persoa, e tamén na Avenida de Fisterra”, manifestou o portavoz municipal do BNG de Cee, Serxio Domínguez Louro.

O voceiro nacionalista considera que “o goberno municipal de Cee tamén pode actuar na medida das súas posibilidades nos puntos máis críticos”, e comparou o índice de sinistralidade das avenidas de Fisterra e Fernando Blanco, en Cee, coa estrada que cruza o núcleo de Vimianzo. “Nesta comparación, Cee sae perdendo claramente. Nas travesías do noso municipio faltan pasos de peóns correctamente sinalizados e con iluminación a ambos lados, así como beirarrúas axeitadas e limitación de estacionamentos na volta dos pasos para as persoas”, afirmou Domínguez.

Pasos de peóns en Estorde

O BNG de Cee tamén anunciou que este venres 22 de maio o deputado Oscar Insua volve a levar ao Parlamento galego a necesidade de mellorar a seguridade viaria e peonil na estrada AC-445 ao seu paso polo lugar de Estorde. Este asunto xa foi tratado na cámara galega o ano pasado, e en febreiro deste ano Insua volveu a insistir con diversas iniciativas parlamentarias para que a Xunta atenda as demandas dos nacionalistas.

Serxio Domínguez lembrou que desde o BNG xa teñen solicitado esta cuestión en múltiples ocasións, e lembrou que “logo de que o goberno galego instalase hai uns meses en Estorde dúas marquesiñas para as paradas de autobús, o máis lóxico é que se proceda a habilitar pasos de peóns para aquelas persoas que necesitan cruzar a estrada sen que se produza unha situación de perigo”.

O voceiro do BNG de Cee insistiu en que “deberían colocarse pasos peonís preto das marquesiñas e limitar a velocidade a 50 km/h, tendo en conta o tránsito de persoas, que se manifesta con máis intensidade no verán, ademais do fluxo de peregrinos e peregrinas que camiñan polo lugar e que teñen que cruzar a estrada”.

O portavoz nacionalista engadiu que “agardamos que a Xunta desta vez tome medidas e que non espere a que haxa unha morte, como aconteceu non hai tanto tempo na recta da Anchoa, en Fisterra; hai que actuar antes de que poida pasar algunha desgraza”.