O BNG lamenta que a Xunta eluda un compromiso coa mellora da seguridade no porto de Malpica

2 minutes read

O BNG considera que o Goberno da Xunta non pode seguir eludindo a súa responsabilidade na mellora da seguridade no porto de Malpica, como volveu facer este martes na Comisión 8ª. «Levamos tres anos reclamando a execución das obras necesarias para que as manobras de entrada e saída da dársena poidan desenvolverse en condicións de seguridade para persoas e embarcacions, pero o Partido Popular continúa sen presentar un proxecto definitivo e sen consignar a partida orzamentaria necesaria para acometelo», afirman dende o BNG. 

O PP volveu votar en contra da iniciativa defendida polo deputado nacionalista Daniel Pérez para incluír nos orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2024 “unha partida específica e con dotación suficiente para iniciar nesa anualidade as obras de mellora das condicións de seguridade no interior da dársena de Malpica, da operatividade do porto e das infraestruturas do mesmo”. Din que si, que haberá unha partida, pero o feito de que a estas alturas non sexan quen de concretar a cantidade, por unha banda, e o rexeitamento das nosas emendas aos orzamentos dos anos 2021, 2022 e 2023 para que se incluísen partidas específicas para esa actuación, pola outra, espertan dúbidas máis que razoables.

“Cinco anos despois do sinistro do Silvosa, o único que tivemos até o de agora por parte de Portos de Galicia son anuncios de actuacións para reforzar a seguridade na dársena que seguen sen concretarse e que se limitan a estudos técnicos e instalacións de equipos para medir ondas e correntes”, manifestou Daniel Pérez. E por iso anunciou que desde o BNG realizaremos un seguimento exhaustivo, e se ten que haber unha sexta iniciativa parlamentaria, por suposto que a haberá.

Daniel Pérez insistiu na necesidade de apostar polo sector pesqueiro, e máis en localidades coma Malpica, onde, grazas ao esforzo realizado polo sector, segue a vivirse do mar. “A día de hoxe en Malpica hai 13 cerqueiros, 30 embarcacións de artes menores, 15 dedicadas ao percebe, 1 volanteiro, 1 palangreiro de fondo e 22 mariscadores/as a pé. A confraría conta con 232 socias e socios, e nun concello que non chega a 6.000 habitantes esa é unha fortaleza que as Administracións competentes, como é o caso da Xunta de Galiza, teñen a obriga de apoiar e de defender”, concluíu.