- A formación demandará que o prazo aumente a un mínimo de dous anos prorrogables
O BNG da Laracha presentará alegacións á ordenanza reguladora do viveiro de empresas solicitando que se aumente o período de concesión dos espazos dun ano a un mínimo de dous prorrogables.
A ordenanza reguladora do viveiro de empresas do concello da Laracha foi aprobada inicialmente no pleno do pasado 25 de marzo, estando actualmente no periodo de exposición pública de 30 días para a presentación de alegacións. Desde o BNG larachés consideran que o periodo dun ano, prorrogable por un máximo de 12 meses máis, que a ordenanza establece para a ocupación dos espazos por parte das persoas emprendedoras é «insuficiente» para poñer en marcha unha actividade empresarial e consolidala.
A maiores disto, o BNG solicitará tamén que se inclúa na ordenanza un prazo de resolución das solicitudes dun mes xa que ao non contemplarse ningún aplícase o que fixa a Lei 39/2015, que é de 3 meses.