- Nos últimos días, durante a limpeza deste elemento patrimonial, desprazáronse pedras e esmagáronse cepas
O BNG da Laracha tivo constancia de que nos traballos de limpeza que se están acometendo no castro de Montes Claros se usou un tractor con rolo que pode «erosionar e rascar as pedras e danar os posíbeis petroglifos que poidera haber». O portavoz da formación, Xosé Manoel Sande Muñiz, presentará un rogo no próximo pleno para que non se volva a utilizar maquinaria pesada no terreo ocupado polo castro ou calquera elemento patrimonial, posto que tras a limpeza destes días hai pedras desprazadas e rotas, así como cepas esmagadas.
Por outra banda, os nacionalistas tamén pedirán que se tapen os restos que foron excavados para evitar o seu deterioro ou posible saqueo, e que se informe dos restos de valor atopados e o lugar onde están depositados.