O BNG leva ao Parlamento a problemática das listas de agarda no centro de saúde de Carballo


Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, Xosé Regueira, responsable comarcal do BNG de Bergantiños, e Daniel Pérez, deputado do BNG no Parlamento Galego, presentaron unha proposición non de lei e unha pregunta relacionada coa situación sanitaria de Carballo.

Carballo ten a lista de agarda máis longa de Galicia para unha cita en atención primaria. Ata 26 días tes que esperar para que te atenda a túa médica ou médico de cabeceira. Algo “incomprensible” para o BNG carballés.

“No centro de saúde de Carballo xa non é que se estea baixo mínimos, senón que se está nunhas condicións nas que non é admisible que se teña un mes practicamente de espera. É algo que todos estamos obrigados a denunciar, esperemos que a Consellería de Sanidade estea tomando medidas correctoras, pero isto fóiselle das mans”, apuntou Evencio Ferrero.

Denuncian a falta de previsión ante as baixas de longa duración e as vacacións do persoal, polo que presentaron esta proposición non de lei con varias medidas necesarias e farán en pleno a seguinte pregunta: “Que medidas ten pensado adoptar o goberno galego para solucionar os acuciantes problemas de sobrecarga de traballo e falla de persoal facultativo no centro de saúde de Carballo?“.