A deputada do BNG Mercedes Queixas vén de presentar unha serie de iniciativas sobre a situación do IES Agra de Leborís da Laracha, onde segundo os nacionalistas «se viviu unha situación caótica no inicio do curso escolar e onde na actualidade unha aula de 2º de bacherelato leva máis dunha semana sen clases por mor da existencia de varios positivos por COVID-19».
Dende o BNG califican de moi grave que a propia dirección recoñeza que non se poidan impartir clases telemáticas ao alumnado que non podía telas presenciais, ao non contar o centro cos medios para poder desenvolvelas. Diante desta situación, o grupo parlamentar do BNG presentou unha serie de preguntas e unha Proposición Non de Lei no Parlamento Galego, instando á Xunta de Galiza a investigar o sucedido e a solucionar de xeito inmediato a carencia de recursos para impartir as clases telemáticas.