O BNG leva ao Parlamento de Galicia os problemas da seguridade viaria en Estorde

Cedida.

A estrada AC-445, que une Cee con Fisterra, ten ao seu paso por Estorde, no concello de Cee, un dos seus puntos máis conflitivos. A vía, de titularidade autonómica, discorre a escasos metros da praia, polo que na época estival rexistra unha altísima intensidade de circulación, á que tamén contribúe a existencia, en ámbalas marxes, de varios negocios do sector turístico.

As beiravías da AC-445 son utilizadas tamén como aparcamento. Sen embargo, no tramo que nos afecta, ao redor de 700 metros que unen a saída da vía rápida Cee-Fisterra e o comezo do lugar de Estorde, non existe nin un só paso de peóns, polo que cruzar a vía supón un claro perigo para viandantes, que se agrava nas horas de saída e entrada de praia. Ademais, a vía está restrinxida a 70km/h hora, unha velocidade pouco recomendable para garantir a seguridade viaria.

Cómpre tamén destacar que este treito da AC-445 é de paso obrigado para os peregrinos do Camiño Santiago-Fisterra, que son tamén en vítimas da inseguridade da estrada, xa que baixan pola beira da dereita e deben cruzar para a outra man para seguir o camiño. Neste senso, nas últimas semanas a Xunta vén de rematar as obras de mellora e seguridade na vía entre os puntos quilométricos 5+260 e 6+053, coa fin, segundo a propia Consellería de Infraestruturas, de “favorecer o tránsito seguro dos peregrinos”, algo que desde o BNG celebramos, mais consideramos insuficiente polo exposto con anterioridade. 

“Non podemos máis que congratularnos polas obras que veñen de rematar e porque o  executivo autonómico queira  favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos, tal como reza a propia nota de prensa da Xunta, pero debemos ter en conta que as melloras realizadas son insuficientes. É preciso limitar a velocidade no tramo, así como colocar outros elementos de seguridade viaria, como poden ser os pasos de peón para os propios peregrinos/as, así como para a veciñanza e as persoas usuarias da praia e os locais mencionados”, declarou Serxio Domínguez Louro, portavoz do BNG de Cee.  

O deputado do BNG Daniel Pérez, que vén de visitar a zona para comprobar a realidade e poder trasladar as necesidades detectadas ao Parlamento de Galiza, declarou que “unha zona de tanto valor turístico e económico para os concellos de Cee e Fisterra non pode contar cunha seguridade viaria tan ínfima. A Consellería de Infraestruturas _engadiu_ debe ampliar as actuacións para garantir de forma definitiva que a zona sexa segura ao cen por cen”.