Os deputados Oscar Insua Lema e Iago Tabarés Pérez-Piñeiro, presentaron unha Proposición non de lei para debate en
Pleno, sobre a situación do Tribunal de Instancia de Carballo, que se atopa nunha situación de saturación estrutural que ameaza con derivar en colapso, segundo se desprende tanto dos datos facilitados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, coma das manifestacións de traballadoras e profesionais da avogacía.
A carga de traballo en materia de violencia sobre a muller resulta particularmente preocupante: Carballo sitúase entre os oito partidos xudiciais galegos con maior número de asuntos de Violencia sobre a Muller, practicamente á par dos de Lugo e Pontevedra, e só superado polos correspondentes ás sete grandes partidos xudiciais do país.
Esta acumulación de traballo non se corresponde cun reforzo equivalente de medios persoais senón, precisamente, co contrario. O cadro de persoal do partido xudicial reduciuse como consecuencia da supresión dos postos de reforzo, un deles
específico en materia de violencia de xénero.
As consecuencias sobre a cidadanía son directas e graves, tanto organizacións sindicais, como distintos operadores xurídicos chegaron a describir a situación como de auténtico «caos», así como de flagrante vulneración do dereito a unha tutela xudicial
efectiva sen dilacións indebidas.
Unha vez que a Xunta ten a responsabilidade sobre os medios persoais e materiais ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia, desde o BNG piden solicitar formalmente ao Ministerio de Xustiza e ao Consello Xeral do Poder Xudicial o incremento da planta xudicial no partido xudicial de Carballo, mediante a creación de novas prazas de xuíces e maxistrados acordes coa carga de traballo obxectivamente acreditada polos datos do TSXG, impulsando os trámites necesarios para a súa efectiva creación e cobertura no menor prazo posible.
Así como incrementar de xeito estrutural os efectivos dos corpos de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa, e auxilio xudicial dotándoo das prazas que resulten necesarias para absorber o volume actual e previsible de asuntos, con especial atención á sección con competencias en violencia de xénero.
Ademáis de adoptar, con carácter inmediato e en tanto non se materialicen as medidas estruturais anteriores, medidas de reforzo urxentes no Tribunal de Instancia de Carballo —persoal de reforzo nos corpos de xestión, tramitación e auxilio, reforzo xudicial, e medios materiais e tecnolóxicos suficientes— co obxectivo de frear a acumulación de asuntos pendentes e reducir os prazos de resolución dos procedementos”, conclúen.