O BNG leva ao Parlamento o servizo de practicaxe nos portos da Costa da Morte

Porto de Laxe_Turismo Laxe; Fotografía: Miguel Muñiz

O Bloque Nacionalista Galego, a través dos seus deputados Daniel Pérez López e Rosana Pérez Fernández, rexistrou unha Proposición non de lei para o seu debate no Parlamento sobre o servizo de practicaxe nos portos da Costa da Morte, en concreto nos de Laxe, Cee e Corcubión.

A practicaxe é un servizo público prestado por particulares no marco dunha estrita normativa e de medidas de obrigado cumprimento. As condicións nas que se desempeña o servizo recóllense no “prego de condicións” que cada Autoridade Portuaria impón para o seu porto, pero tamén rexen outras normas que veñen impostas polo Reglamento Xeral de Practicaxe, por Capitanía Marítima e polo Ministerio de Mobilidade, transportes e Axenda Urbana, que son de obrigado cumprimento.

Desde a formación nacionalista piden que o Parlamento inste á Xunta de Galicia a que deixe sen efecto a resolución do 12 de xaneiro de 2022 pola que se publica o Prego de Prescricións do Servizo de Practicaxe dos Portos de Laxe, Cee, Corcubión e Sada, publicado no Diario Oficial de Galicia, e se proceda a tramitar un novo prego. Tamén solicitan que se corrixan erros substanciais do anterior prego, como que o servizo de practicaxe nestes portos estea marcado polas mareas aínda que nestes lugares a dispoñibilidade para realizar manobras é de 24 horas, e se inclúan zonas de fondeo nos portos anteriormente mencionados.

Outra petición que rexistrou o BNG é que se modifiquen as condicións económicas, para que sexan asumíbeis polo Práctico que puidera coller este servizo, e que se abra un contacto directo de Portos de Galicia co Práctico actual para que as condicións recollidas no novo prego garantan a continuidade dun servizo básico para a seguridade marítima.