O BNG levará ao pleno a estafa do recibo da luz e medidas para reforzar o sistema sanitario

A viceportavoz do Grupo parlamentario do BNG, Olalla Rodil avanzou os asuntos que o BNG defenderá na vindeira sesión plenaria prevista para os días 14 e 15 de setembro.

No inicio do curso político, o BNG leva ao parlamento un Proxecto  de Lei para  reducir o prezo da luz e garantir o acceso deste “ben básico” ao conxunto da poboación. Rodil recalcou que urxe “unha reforma do sector  eléctrico”, nun contexto de escalada histórica dos prezos. É necesario, dixo, rematar coa “estafa da luz e o espolio enerxético”. Neste sentido, anunciou que a proposta de lei do BNG vai na senda de “reformar a normativa que regula o sector eléctrico no conxunto do Estado” e compensar o carácter produtor e excedentario na produción enerxética e eléctrica de Galicia, para que os galegos e galegas nos beneficiemos e reverta a electricidade que producimos a “esgalla” no desenvolvemento social e económico de Galicia.

Pontón pregunta a Feijóo polas medidas para reforzar a Atención Primaria

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón preguntará  ao presidente da Xunta polas medidas para  reforzar a Atención Primaria ante a situación  de sobrecarga dos  centros de saúde con “listas de agarda de máis dunha semana, sobrecarga de traballo das e dos profesionais, cada vez máis exhaustos, e a falta de profesionais”.

Finalmente, Rodil lamentou que, unha vez máis, o veto do PP impida a  comparecencia de Feijóo para explicar a decisión do TSXG sobre o certificado COVID na hostalería para acceder aos interiores, medida que o tribunal cualificou de “vulneración de dereitos fundamentais da cidadanía galega”, usando como coartada a pandemia.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha