O BNG logra que a Xunta resolva a modificación do Plan de Xestión de Camariñas ‘tras meses de parálise’

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Oscar Insua, denunciou no Parlamento a «tomadura de pelo» da Xunta co sector marisqueiro de Camariñas, ao tempo que reivindicou o papel do BNG como único impulsor das solucións para a comarca. Insua revelou que a Consellería do Mar tardou «dous meses» en resolver a modificación do plan de xestión solicitado pola confraría, e fíxoo «xusto o día despois» de que o BNG rexistrase unha iniciativa para debater o asunto na Cámara.

«Os veciños e as veciñas teñen que saber que quen impulsa as accións para resolver os problemas en Camariñas é o BNG», afirmou rotundo Insua, poñendo como exemplo que «cada vez que traemos unha iniciativa a esta Cámara, conseguimos que o PP se mova algo». Nesta liña, lembrou que a consellería tiña os informes técnicos listos dende o pasado 9 e 12 de decembro, mais non foi ata o mércores pasado, unha vez rexistrada a iniciativa do BNG, que sacaron adiante a resolución.

O deputado nacionalista puxo o foco na crítica situación que atravesa a ría de Camariñas, unha «situación catastrófica» que se prolonga «dende hai anos» e que a Xunta non atalla con medidas estruturais. Como exemplo máis doloroso, sinalou que «as mariscadoras seguen sen cobrar un peso e pasaron o Nadal sen cobrar un peso, tiveron que seguir pagando os seguros e sen unha axuda da Xunta, máis que promesas, promesas e promesas». Os datos, segundo achegou, son demoledores: «Había 46 mariscadoras a pé no plan de xestión. Saben cantas quedan en activo? 20. 20 mariscadoras. E as outras?», preguntou.

Insua non só criticou a xestión da Xunta, senón que retratou duramente á deputada do PP, Paula Mouzo, por intervir por primeira vez sobre un problema da Costa da Morte. «É a primeira vez que vostede intervén nun problema da Costa da Morte e, en concreto, de Camariñas. Benvida, señora Mouzo, benvida. Debe ser que veñen as eleccións e queren ter algo de protagonismo».

Finalmente, Insua amosou a súa preocupación polo futuro das traballadoras e pediu que, na renovación dos permisos, se teñan en conta as causas xustificadas para non acadar o 95% de días de traballo esixidos. «As mariscadoras poden seguir confiando nesta organización, porque non imos desistir e imos seguir dando a batalla para que este sector non esmoreza. Porque se perdemos un posto de traballo no mar, son sete en terra», concluíu.

Related posts

A Agrupación Deportiva Un Paso Máis renova o seu convenio coa Fundación «La Caixa»

O PSdeG de Malpica reunirase coa veciñanza das parroquias de Cerqueda, Mens, Leiloio e Vilanova

A Xunta renovará o pavimento do pantalán pesqueiro de Muxía