Por iniciativa do BNG o Parlamento galego vén de acordar apoiar que a cidade de Vigo albergue a sede da Rede Global de Portos Azuis da FAO. A Comisión de Pesca e Marisqueo aprobou por unanimidade a proposición, defendida pola deputada viguesa do BNG, Carmela González. O acordo recolle expresamente a demanda ao Goberno español para que formalice a solicitude diante da FAO e demanda da Xunta de Galiza «total vocación de colaboración para lograr ese obxectivo» e solicita que todas as administracións públicas cooperen.
González defendeu que «Vigo como referente portuario de nivel internacional nomeadamente nas actividades pesqueiras, reúne as mellores condicións para ser a Sede da Rede Global de Portos Azuis da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO)». Neste sentido, subliñou que o Porto de Vigo, xunto co sector da pesca, leva anos traballando pola sustentabilidade e control das descargas polo que é un referente nesta materia, como acredita o feito de que, xunto con Corea do Sur, sexa un centro de formación da FAO para inspectores e inspectoras da pesca a nivel global. «A propia FAO recoñece que Galiza ten un sistema de control pesqueiro punteiro na UE e que o Porto de Vigo é un bo modelo o resto do mundo», acrecentou.