O BNG loita pola continuidade do Marisquiño en Vigo até 2025

Marisquiño 2019_Arquivo.

Diante do tirapuxa institucional e a respeito da marcha do festival O Marisquiño da cidade, anunciada pola empresa promotora, o Bloque Nacionalista Galego vén de demandar a todas as partes que deixen de utilizar esta cuestión como “arma” na confrontación partidista. A fronte nacionalista insta a Concello de Vigo, Xunta de Galiza e Autoridade Portuaria a xuntarse para acordaren un acordo de cooperación a medio prazo que blinde a continuidade do festival na cidade olívica nas vindeiras catro edicións.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou que a continuidade do principal evento internacional que se celebra na cidade con éxito desde o ano 2001 pasa por cesar no “fogo cruzado” a nivel institucional e por procurar a máxima colaboración entre todas as administracións, que dote O Marisquiño das condicións de estabilidade necesarias para continuar a desenvolverse.

Neste sentido, chaman expresamente a PSOE e PP, desde Concello e Xunta respectivamente, a abandonar a escalada de declaracións e enfrontamentos. “Facemos un chamado á responsabilidade. Non podemos permitir que se xogue co Marisquiño desta maneira. Non é hora de poxas nin de reproches. É momento de que todo o mundo arrime o ombreiro para evitar a marcha do Marisquiño”, apuntou o edil, quen asegurou que inda se está a tempo de posibilitar a edición deste ano.

Igrexas avoga porque Concello, Xunta e Autoridade Portuaria, sumen esforzos cun acordo a medio prazo que permita blindar a continuidade do festival como mínimo nas próximas 4 edicións. “Temos que despregar luces longas cun festival de éxito e consolidado. Non podemos colocar a organización do Marisquiño cada ano na incerteza de se contarán co apoio institucional suficiente ou non. Por iso o BNG propoñemos un acordo que asegure, si ou si, a realización do festival até 2025”.