A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón participou no acto público, convocado polo BNG, na cidade de Pontevedra para conmemorar o Día da Galiza Mártir e en Homenaxe a Alexandre Bóveda, executado polo franquismo hai 85 anos por defender Galicia. O Bloque lanza a ‘iniciativa Bóveda’ por un novo modelo de financiamento. Cren que a mellor alternativa sería un concerto económico para Galicia, que permita aproveitar os recursos propios.
«O obxectivo do debate é moi claro: queremos máis recursos para a reconstrución económica, para a sanidade publica, para a educación publica, para coidar o medio ambiente e para poder enfrontar os retos que ten Galicia», dixo Pontón durante o acto de conmemoración do 17 de agosto, Día da Galicia Mártir, en que rendeu homenaxe ao político nacionalista Alexandre Bóveda.
Pontón sinalou que ese debate é «fundamental» para poder construír o futuro da comunidade e que é «moi grave que Galicia estea desaparecida». A responsabilidade de que iso suceda, dixo, é do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen «está secuestrando os intereses de Galicia única e exclusivamente para ser fiel á estratexia centralista que dita o seu partido desde Madrid».
Na súa intervención, Pontón dedicou un especial recoñecemento á participación da área de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, o labor do deputado Luís Bará pola recuperación da memoria histórica, á Deputación da Coruña para recuperar o Pazo de Meirás co impulso de Goretti Sanmartín, así como as iniciativas presentadas polo BNG no Parlamento Galego e o traballo de concellos como o de Pontevedra.