O BNG mantivo un encontro coa xente do mar en Fisterra

2 minutes read

O BNG mantivo un encontro coa xente do mar en Fisterra para explicar as súas propostas para o sector, no marco das eleccións xerais do 29N, e co compromiso de defender os seus problemas en Madrid; así como para escoitar as inquedanzas dos mariñeiros e mariscadores sobre o seu traballo, incluída a preocupación pola proposta impulsada pola Xunta de Galiza para implantar a oitava Reserva da Biosfera entre os cabos Fisterra e Silleiro.

A deputada e número 2 ao Congreso pola Coruña, Rosana Pérez, e o parlamentario nacionalista pola Costa da Morte, Oscar Insua, expuxeron as cuestións centrais do programa electoral do BNG sobre o sector do mar. Entre elas, o recoñecemento de Galiza como zona altamente dependente da pesca, a exixencia de que a pesca artesanal fique exenta de topes de capturas e cotas, a elaboración dun catálogo de enfermidades profesionais propias dos traballadores e traballadoras do mar, o dereito a voto dos tripulantes embarcados en altura, e a redución do IVE aos produtos pesqueiros.

Os representantes nacionalistas destacaron o traballo desenvolvido nos últimos anos polo novamente cabeza de lista do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, como o acordo acadado para que o Goberno central desenvolva un estudo urxente acerca da salinidade, o quecemento e a perda de biomasa nas augas das rías galegas, avaliando o seu impacto directo na caída de produtividade do sector marisqueiro.

Proposta de Reserva da Biosfera

Respecto da proposta para a oitava Reserva da Biosfera entre os cabos Fisterra e Silleiro, tanto Rosana Pérez como Oscar Insua recolleron as inquedanzas e dúbidas da xente do mar, e advertiron da falta de información que ten o sector por parte do Goberno galego.  

Desde o BNG transmitiron aos traballadores do mar que poden presentar alegacións ao proxecto, e indicaron que a documentación exposta pola Xunta non concreta as actuacións a realizar e carece da obrigatoria previsión económica anual e plurianual, e ademais non detalla os recursos humanos e materiais comprometidos

Os nacionalistas consideran que a proposta non debería ampliar as restricións que xa existen para desenvolver a actividade pesqueira e marisqueira, e ven necesario que se consulte aos sectores afectados e que estes participen no proceso.

Así mesmo, tanto Rosana Pérez como Oscar Insua sinalaron que, polo que se coñece ata agora, o que propón a Xunta é unha mera reprodución de directrices estratéxicas globais, sen concretar plans de actuación locais, enclaves prioritarios nin prazos executivos reais.

O BNG insistiu na importancia de que se blinden os sectores produtivos do mar, e reiterou a súa defensa do sector e o apoio aos traballadores e traballadoras do mar.