O BNG oponse a aumentar os canons do Álvaro Cunqueiro e pide o seu rescate

Montse Prado_Web BNG

O Bloque Nacionalista Galego vén de expresar o seu rexeitamento a un posíbel incremento dos canons concesionais que percibe a UTE propietaria do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo. A fronte nacionalista reclama, por contra, que se realice unha auditoría da xestión realizada pola concesionaria privada e reitera o chamado a rescatar o HAC para o converter nun hospital cento por cento público.

Así o manifestou este martes a deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, advertindo que “unha das maiores preocupacións das galegas e galegos é o desmantelamento da sanidade pública” resultado das políticas de recorte e privatización aplicadas pola Xunta do Partido Popular que insisten en poñer os “beneficios económicos de empresas privadas por riba da saúde das persoas”.

Prado lembrou que os canons económicos que percibe a sociedade concesionaria, en concepto do pago pola construción do hospital e pola xestión dos servizos non sanitarios, nin deixou de aumentar nos últimos anos, pasando de 56,33 millóns no inicio aos 65,39 millóns de euros consignados nos orzamentos da Xunta para o presente exercicio 2022.

Neste sentido, a deputada rexeitou a pretensión da concesionaria de solicitar un novo incremento en función do IPC, o que suporía un aumento de preto de 10 millóns de euros. “É claro que este modelo é un pésimo negocio para o público e moi bo para as grandes empresas multinacionais”.

Prado criticou a negativa reiterada do PP a rescatar o HAC de mans privadas, malia ter múltiples oportunidades. A última coa venda de accións a unha multinacional francesa. “Hoxe os donos do hospital Álvaro Cunqueiro son multinacionais con sede en Francia, China, Luxemburgo ou Irlanda, que só buscan o seu lucro privado a costa da saúde como demostra o recente reparto de 7 millóns de euros en dividendos”, lamentou.