O Bloque Nacionalista Galego vén de mostrar a súa oposición o proxecto eólico Albariño I polo seu impacto ambiental e patrimonial «crítico» na serra da Groba. Desde a fronte nacionalista presentaron alegacións para esixir que se denegue a autorización administrativa para a instalación neste espazo natural dun parque que afectaría aos concellos de Baiona, Gondomar, Tomiño e Oia.
Unha representación institucional e orgánica do BNG dos concellos do Val Miñor concentrouse no Alto da Groba para demandar a paralización do proxecto. Entre eles, o concelleiro do BNG en Baiona, Iago Pereira, que puxo en valor o «enorme potencial patrimonial, arqueolóxico, paisaxístico e natural» que se vería ameazado por este «agresivo» proxecto eólico. «Vai supoñer unha modificación que afecte as aves de paso, a flora e a fauna, as vías fluviais, así como a funcionalidade do monte, moi importante nestas zonas entre outras pola actividade gandeira», explicou Pereira.
Por estes motivos, desde o BNG presentaron un escrito de alegacións diante da Consellaría de Economía, Empresa e Innovación esixindo a denegación da autorización administrativa e rexeitando o intento de declarar como de utilidade pública a posta en marcha do parque eólico Albariño I. A fronte nacionalista criticou nese sentido a cualificación por parte da Xunta dos impactos como moderados, malia as numerosas afectacións que vai ter sobre o entorno.
A deputada do BNG no Parlamento de Galiza subliñou catro puntos fundamentais que deben cumprir estes proxectos eólicos a xuízo das nacionalistas: un modelo sustentábel que protexa os recursos de Galiza, con participación pública nos beneficios dos recursos enerxéticos e onde os parques estean vencellados a proxectos industriais que permitan crear emprego e riqueza. Todo isto acompañado dunha aposta por estabelecer unha tarifa eléctrica galega que permita rebaixar a factura da luz en Galiza como productora excedentaria de enerxía.
