O BNG de Vigo pedirá no Pleno un tren de cercanías e axilizar a conexión de alta velocidade con Porto

1 minutes read

O Bloque Nacionalista Galego propón implementar unha rede de cercanías na área de Vigo así como axilizar a saída sur para a conexión de alta velocidade con Porto. Estas son algunhas das medidas contidas na moción que a fronte nacionalista presenta no Pleno do Concello de Vigo, co obxectivo de mellorar as redes ferroviarias da cidade e a súa área metropolitana.

Entre as materias pendentes, o concelleiro do Bloque, Xabier P. Igrexas, destacou como prioritaria a posta en marcha da saída sur de alta velocidade con Porto. Unha actuación que cualificou de «estratéxica» para Vigo, mais lamentou que continúe nun «preocupante impás» desde 2007. Igrexas criticou que o proxecto fique á espera dun novo estudo informativo, previsto para novembro do vindeiro ano, tras deixar caducar os anteriores.

O portavoz do BNG de Vigo subliñou así a ausencia de partidas recollidas nos Orzamentos do Estado de 2022 para desenvolver este proxecto, que permitiría converter Vigo nun nodo ferroviario de primeira magnitude. «Resulta inadmisíbel que a Comisión Europea teña recollido como horizonte temporal o ano 2040 para a posta en marcha desa conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto», denunciou Igrexas, que puxo como exemplo os avances no tramo portugués fronte a falla de vontade mostrada polo executivo español.