O BNG pide a Rueda que compareza tras a manifestación en defensa da sanidade pública


A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, lamentou que, unha vez máis, o Partido popular impida a comparecencia do Presidente da Xunta tras a histórica e multitudinaria manifestación do pasado domingo en Compostela en defensa da sanidade pública.

Tras a Xunta de portavoces para elaborar a orde do día do vindeiro pleno, Rodil explicou que o BNG leva meses intentando que Rueda “dea a cara” e explique que está pasando coa sanidade pública galega pero o titular do Executivo “non fai máis que esconderse”.

Para a nacionalista, Rueda debe “escoitar o que lle está a dicir a cidadanía galega”, unha cidadanía que deixou moi claro o pasado domingo: “que  abonda de recortes,  de listas de espera na Atención Primaria e de precariedade do persoal”.