O BNG pide á Xunta acelerar a tramitación da avaliación ambiental ordinaria do porto mixto de Corcubión

2 minutes read
Cedida.

O BNG, a través do deputado Oscar Insua, presentou diversas iniciativas no Parlamento galego, nas que solicita á Xunta de Galiza que dea un impulso ao proxecto de Porto Mixto de Corcubión, que na actualidade se encontra no trámite de avaliación ambiental ordinaria (AAO). Para elo, pide que se informe detalladamente do estado actual de dito proceso, indicando as fases xa completadas, a documentación elaborada, os informes emitidos, e os asuntos que permanecen pendentes.

O parlamentario nacionalista demanda tamén establecer un calendario público para a finalización da avaliación ambiental, a culminación da tramitación administrativa e a licitación das obras do Porto Mixto, evitando novos atrasos inxustificados na materialización do proxecto. E instou ao Goberno galego a que incorpore nos Orzamentos para 2027 unha partida con dotación suficiente e finalista para o proxecto, que permita, unha vez completados os trámites ambientais e administrativos preceptivos, afrontar a licitación e garantir o inicio das obras o vindeiro ano.

O BNG sinalou que a finalización da avaliación ambiental ordinaria constitúe un paso imprescindible para poder avanzar cara ás seguintes fases administrativas e, posteriormente, cara á licitación e execución das obras. Por iso resulta necesario coñecer con precisión que actuacións se realizaron desde que se iniciou a súa tramitación en setembro de 2023, así como que documentación foi encargada, redactada ou contratada, que trámites permanecen pendentes, e cal é o calendario real que manexa Portos de Galiza para completar o expediente.

Estudo de impacto económico

A formación nacionalista fixo pé en que recentemente o Partido Popular informou a través dunha nota de prensa sobre a elaboración dun estudo de impacto económico do proxecto, e sobre a existencia dunhas primeiras conclusións que terían sido coñecidas polos representantes do PP da Costa da Morte, antes de que a documentación fose presentada publicamente. “Esta circunstancia fai que sexa necesario que a Xunta explique con transparencia  o estado da avaliación ambiental e deste estudo económico e da súa  finalidade, así como se forma parte da documentación ambiental ou administrativa do proxecto”, subliñou o BNG.

Oscar Insua manifestou que “levamos 30 anos de promesas do porto deportivo, agora porto mixto, e o PP segue sen comprometerse con esta infraestrutura fundamental para o pobo de Corcubión e para toda a comarca. Parece que Portos vai informando por capítulos, mais o que non é de recibo é que só facilite a información ao PP para que a use de forma partidista e electoralista”.

O deputado nacionalista advertiu que “máis alá desta anormalidade administrativa, todos os veciños e veciñas temos dereito a ter e ver esa información e como está a tramitación para saber se é certo o que din, ou se todo son mentiras e todo queda noutra promesa, sen cartos nos vindeiros orzamentos, que é o que volvemos a pedir dende o BNG”.