A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón recalca que as eleccións galegas deben contar con todas “as garantías sanitarias e democráticas” e reclama á Xunta Electoral que actúe para impedir que Feixóo continúe utilizando os medios públicos como “canle propagandístico cun mitin diario de precampaña”. Pontón sinala que, a pandemia foi a coartada perfecta para xustificar a “presencia abafante de Feijóo na TVG a unha media de catro horas semanais e co desfile de conselleiros, conselleiras e cargos do PP de Galiza e o Estado”. A análise dos datos evidencia até que punto o PP fagocitou os medios públicos na crise e continuou permanentemente en campaña electoral.
A situación, afirma a nacionalista, fai necesario que a Xunta Electoral actúe para impedir o exercicio propagandístico diario do candidato Feixóo na TVG e na RG. A necesidade de trasladar información institucional pode ser cuberta a través doutras vías. A xuízo da líder do BNG, non ten xustificación que “un candidato dunha forza política use os medios públicos para transformar un espazo institucional nun mitin partidario diario, valorando e criticando ao resto de forzas políticas. Iso ocorre nas repúblicas bananeiras, mais non debera ocorrer nunha democracia moderna e de calidade”.
Pontón reclama a celebración, como mínimo, de 2 debates en máxima audiencia na TVG e RG e unha cobertura informativa que garanta a pluralidade e ecuanimidade, tanto nos espazos directamente informativos como de opinión e tertulia.