O BNG pide á Xunta que denegue os proxectos eólicos previstos nos Penedos de Pasarela e Traba

Imaxe de arquivo dos Penedos de Pasarela e Traba_Cedida

  • O deputado nacionalista Daniel Pérez levará este venres ao Parlamento unha proposición non de lei para protexer toda a contorna.

A Comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia abordará na sesión deste venres unha proposición non de lei presentada polo BNG a través do deputado Daniel Pérez. Na mesma demándase que a Xunta denegue as autorizacións para os proxectos eólicos previstos no ámbito dos Penedos de Pasarela e Traba polos efectos negativos que terían sobre o potencial turístico da propia paisaxe protexida e da súa contorna.

O deputado alude na súa iniciativa ao valor natural, paisaxístico, cultural, científico, e mesmo turístico, que teñen os Penedos, que ademais gozan dun réxime de protección especial dende a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos.

Hai 25 anos a espectacular formación xa fora ameazada por unha canteira, e agora o inimigo é dobre xa que hai proxectados dous parques eólicos, o do Monte Chan e o da Pena dos Mouros. O primeiro, na zona sur do val, contempla a instalación de 9 aeroxeradores que acadarían unha potencia global de 46,2MW mentres que o segundo tería 7 turbinas máis, cun total de 35 MW de potencia.

Segundo o proxecto inicial, algún dos aeroxeradores instalaríanse no interior da Paisaxe Protexida e os demais ocuparían o conxunto das serras impactando no lugar e no ecosistema más próximo, o que se traduce nun «dano irreparábel para a conservación desta e por extensión, do seu aproveitamento turístico», afirma Daniel Pérez. Ademais, estes proxectos eólicos poderían afectar tamén á Zona de Especial protección dos Valores Naturais (ZPVN), Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial protección de Aves (ZEPA) “Costa da Morte”. Pero non son as únicas vulneracións nas que incorrerían eses proxectos eólicos, senón que tamén incumprirían varias directivas europeas en materia medioambiental.

O BNG propón que o Parlamento inste á Xunta a paralizar cautelarmente e denegar as autorizacións das infraestruturas e instalacións industriais que atenten contra os valores naturais, estéticos ou culturais dos Penedos, así como aqueles que poñan en perigo o seu aproveitamento turístico sustentábel.