Para a portavoz nacionalista, Ana Pontón, concellos e deputacións deben xogar un importante papel para saír da crise e nese sentido reclamou “derogar a Lei Montoro” para mobilizar “900M€ de recursos municipais apalancados nos bancos”. Unha lei, afirmou, que “privilexiou o pago á banca, por riba das necesidades sociais dos concellos” limitando drasticamente a súa capacidade de gasto.
Tras a reunión, por videoconferencia, con alcaldesas e alcaldes do BNG, a portavoz nacionalista asegurou que a crise do coronavirus require “respostas e actuacións excepcionais” e ao seu xuízo, sería moi grave que todos os fondos dos concellos continuaran “paralizados nos bancos” cando é precisa unha resposta inmediata ás necesidades sanitarias e socieconómicas. Temos un gran reto por diante e nesta liña, dende o ámbito municipal, os concellos do BNG adoptarán medidas para alixeirar as cargas das familias e empresas polo que no referente a taxas e impostos, os concellos do BNG “adiarán o cobro das taxas e impostos, fraccionarán o cobro das taxas e impostos anuais e implementarán mecanismos de compensación para aqueles colectivos máis afectados”, tanto por ERTEs como persoas autónomas.
Pontón lembra que nos concellos gobernados polo BNG foron postas en marcha prestacións de servizos especiais na atención de persoas maiores e dependentes, persoas sen fogar, axudas de emerxencia e atención ás mulleres vítimas de violencia machista, medidas, recalca a nacionalista, fundamentais para afrontar o día a día da situación de alarma e emerxencia sanitaria.
Por parte dos alcaldes, que se volveron a poñer ao dispor da Xunta, o de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ratificou o compromiso da súa administración cos sectores máis afectados pola crise do covid-19 e tamén recalcou que é «urxente» derrogar a Lei Montoro para que os concellos conten cos recursos de excedentes e remanentes de Tesourería. Sen esa medida, advirte, os concellos «estarán moi limitados» para poñer en marcha medidas urxentes. «Hoxe máis que nunca é necesario dar unha resposta inmediata aos sectores sociais máis desfavorecidos», entre os que destacou as residencias de persoas maiores e servizos no fogar.