O BNG pide executar ao mesmo tempo a prolongación da AG-55 ata Berdoias e o primeiro tramo entre Santa Eirena e a AC-432

2 minutes read

O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, urxiu á Xunta de Galiza a dar comezo aos trámites do proxecto da segunda fase de prolongación da AG-55, entre a AC-432, en Calo (Vimianzo), e o cruce de Berdoias. Así mesmo, solicitou que o Goberno galego contemple nos vindeiros orzamentos de 2027 unha partida económica para licitar e iniciar os traballos deste segundo tramo de forma simultánea aos da primeira fase, que comezarán este verán e que unirá Santa Eirena coa AC-432.

Oscar Insua interpelou este mércores 1 de xullo, na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos do Parlamento galego, á directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), María Deza Martínez, que sinalou que a Xunta está a traballar na licitación do proxecto construtivo da segunda fase de ampliación da autovía.

O parlamentario nacionalista lamentou que a prolongación da AG-55 “sexa en forma de corredor, cun carril en cada sentido, en vez de autovía, que é o que reivindicamos sempre desde o BNG”, e indicou que “foi unha decisión exclusiva da Xunta do PP, que unha vez máis volve a burlase da Costa da Morte”.

Insua salientou que “esta comarca non pode esperar ao 2029 para comezar coa segunda fase, porque hai que evitar que o cruce de Vimianzo para Camariñas se converta nun embude e provoque un auténtico caos no tráfico; o PP sería responsable e está nas súas mans evitalo”. Así mesmo, incidiu en que “hai evitar que os custos se disparen, como sucedeu co primeiro tramo entre Santa Eirena e Calo, onde houbo un incremento de 8 millóns de euros respecto ao inicialmente orzamentado”.

“Merecemos respecto e un trato igualitario, porque pagamos os mesmos impostos que o resto de comarcas do país”, sinalou o deputado do BNG, que manifestou que “a Costa da Morte é a única comarca do toda a costa atlántica que está desconectada do eixo atlántico”.

Oscar Insua lembrou que “pasaron máis de 20 anos desde que o PP anunciou o Plan Galicia logo da catástrofe do Prestige, e segue incumprindo os seus propios compromisos; os agravios á nosa comarca son máis que evidentes”. O deputado tamén criticou que “o Plan MOVE, que foi impulsado en 2010 polo Partido Popular na Xunta, está sen executar logo de 16 anos; aparte da ampliación ata Berdoias, falta a conexión ata Cee e o porto de Brens”.