O BNG pide explicacións polo reparto de 500 entradas VIP ‘a cargos e amigos do PP’ no concerto de C. Tangana en Vigo

Cedida.

A deputada nacionalista Carmela González exixiu explicacións á Xunta no Parlamento polo reparto de 500 entradas VIP “a cargos políticos, familiares, militantes e amigos do PP” que foron sufragadas con cargo ás arcas públicas galegas. “Cincocentos amigos do PP aos que as galegas e os galegos lles pagamos a entrada ao concerto, mentres as familias están afogadas pola maior crise de prezos en 40 anos”, recriminou.  

Nunha pregunta parlamentaria, González reclamou ao Executivo do PP que cifrase, ademais do custe total do concerto, o custe específico da que denominou “festa privada do PP no palco VIP”, así como os criterios empregados para o reparto destas entradas, cuestións todas elas que a Xunta eludiu concretar.  

A deputada nacionalista reprobou que na zona VIP do concerto estaban, “sen pagar nin un só euro” -ademais do presidente da Xunta, a delegada da Xunta e candidata do PP á alcaldía de Vigo e o presidente do Porto de Vigo, que segundo dixo, “pódese entender como representación institucional”- o presidente do PP, Alberto Núñez Feixóo xunto á súa parella; o presidente andaluz do PP, Juan Manuel Moreno; a alcaldesa de Mos do PP, Nidia Arévalo, así como numerosos “amigos, familiares e militantes do PP ata chegar a 500 persoas que accederon ao concerto de C. Tangana gratuitamente”.

Así pois, a deputada viguesa do Bloque insistiu en reclamar ao Executivo galego “os criterios que utilizaron para que estas persoas seguiran o concerto desde esa posición privilexiada”, mais o Goberno do PP evitou concretar tamén na quenda de réplica, polo que González concluíu reprobando a súa negativa a contestar e afirmando que, efectivamente, a política do PP non é a do “café para todos”, senón a do “café, entradas, pases VIP e rebaixas de impostos para os amigos do PP”, concluíu.