O BNG pide explicacións sobre o procedemento de cobertura do servizo de practicaxe portuario


O BNG da Costa da Morte emitiu un comunicado no que afirma asistir con gran preocupación ao novo xiro que vén de dar o procedemento de cobertura do servizo de practicaxe portuario, que afecta aos portos de Cee, Corcubión e Laxe.

“Dende marzo vimos advertindo sobre os erros substanciais que figuraban no prego de condicións para a contratación do servizo e sobre a altísima probabilidade de que quedase deserto, co gravísimo problema que iso suporía para a seguridade da navegación na zona. Un despropósito no que se perpetúa agora Portos de Galiza cando, por un erro non explicado no procedemento, realiza unha nova convocatoria para cubrir o servizo e non corrixe as eivas denunciadas no prego nin os recortes orzamentarios”.

Por iso o BNG propuxo na Comisión 8ª de Pesca e Mariqueo do Parlamento Galego que se deixase sen efecto ese prego, que se tramitase un novo que corrixise as eivas substanciais do publicado e que revisasen as condicións económicas.

Pois ben, “o Partido Popular vetou esta iniciativa argumentando que as eivas non eran tales e que o servizo estaba garantido, podéndose recorrer, se fose necesario, aos prácticos dos outros portos autonómicos. Veto que constitúe unha irresponsabilidade, porque ante unha emerxencia o práctico do porto máis próximo (que sería o de Ribadeo) tería que percorrer 250 km e realizar tres horas de viaxe até a Costa da Morte. Ou que no desempeño das súas funcións ordinarias tería que percorrer máis de 400 km nun día para dar a saída a un barco en Viveiro e asistir a outro en Corcubión, por poñer un exemplo”.

Un despropósito no que se perpetúa agora Portos de Galiza cando, por un erro non explicado no procedemento, realiza unha nova convocatoria para cubrir o servizo e non corrixe as eivas denunciadas no prego, nin muda a redución das condicións económicas. O que, insistimos, provocará que ese procedemento quede deserto ou que se preste cunhas limitacións que afectarán a un desempeño idóneo e óptimo do servizo.

“Para o BNG estamos ante un feito gravísimo, porque estamos a falar dun servizo de practicaxe que desempeña un papel vital na seguridade da navegación, dos propios buques, tripulantes, instalacións portuarias e a protección do medio ambiente mariño, estando obrigados a estar a disposición de Capitanía Marítima 365/24 por razóns de emerxencia ou de seguridade marítima. Por iso pediremos ao goberno galego que dea cumpridas explicacións en sede parlamentar sobre o motivo desa nova convocatoria, e que se rectifique o novo prego para así cubrir axeitadamente este servizo imprescindíbel para a Costa da Morte e para a seguridade na navegación”.